Estás en BLOG

3.018 pasos para cruzar (ben) nas rúas de A Coruña

3.018 pasos para cruzar (ben) nas rúas

Moitos peóns incumpren as normas, pero tamén fan falta melloras en seguridade viaria

Ás doce e media da mañá do venres a praza de Mina, como é habitual a esas horas, bullía de persoas que pasaban de Sánchez Bregua e a rúa Compostela ó Cantón. E ó revés. En dez minutos cruzaron o semáforo ata a isleta un total de 245 persoas. Delas, 89 fixérono co semáforo en vermello e moitos en dous tramos, agardando no asfalto, na escasa separación que hai entre os dous sentidos de circulación, para atopar un oco e chegar ó outro lado. Fai agora dous anos, no mesmo lugar e á mesma hora, 137 peóns agardaban ó semáforo e outros 112 saltaban as normas. Algo se mellorou, pero pouco.

        En A Coruña hai 3.018 pasos de peóns, especifican dende o Concello. Hainos regulados por semáforos e tamén os hai sen regulación. Pódese cruzar en boa parte dos 1.307 semáforos que hai distribuídos por tódala urbe, pero mentres os coches tenden cada vez máis a respectar as normas, os peóns non o fan, nin de lonxe, na mesma proporción. Están obrigados a facelo e expóñense a multas por non cumprilas, pero no 2016 só impuxéronse catro sancións por pasar en vermello, fronte ás 374 que recibiron outros tantos condutores.

       Os coruñeses, en xeral, cruzan mal, obviando que os peóns son sempre os que levan a peor parte en caso de accidente. No 2016 houbo 491 feridos en accidentes de circulación, dos que 148 foron peóns atropelados. «A nivel peón, non hai conciencia do risco para nada», di Jeanne Picard, da asociación Stop Accidentes, que leva tempo traballando na prevención en A Coruña.

        Moitos accidentes prodúcense por descoidos. «A falta de atención constitúe un 28% dos casos e o non cumprimento das normas, o 17%, seguido pola falta de precaución, co 14 %», indica o plan de mobilidade en vigor en María Pita.

        Pero aínda que os coruñeses crucen mal, tamén é certo que hai infraestruturas mellorables, porque non só os camiñantes despístanse. O pasado mes de maio unha muller de 51 anos morría atropelada nun paso de peóns en Elviña. En agosto houbo outro ferido grave en San Andrés e outra máis en setembro en Manuel Azaña.

        Dende o Concello indican que nos dous últimos anos repintaron máis dun milleiro e que estase traballando en moitos outros para a súa renovación e mellora.

        Álvaro Louro é vicepresidente da Asociación Española de Investigadores de Accidentes de Tráfico e especialista en seguridade viaria, materia da que imparte clases: «Sempre poño como exemplo de pasos mal postos o que hai na avenida do Exército con rolda de Outeiro, pegado a San Diego, e o da Policía Nacional na Avenida do Porto», di. No primeiro ós peóns non se lles ve vir porque os tapa un muro e no segundo os condutores non ven o semáforo cando o cobren as follas das árbores. Hai moitos máis.

        Jeanne Picard tamén entende que fan falta melloras como pintura antiescorregadiza fluorescente, luces led e máis sinalización vertical, e facer os pasos máis visibles e seguros diante dos colexios. Niso, di, está o consistorio nalgúns casos, aínda que noutros, como no da Sagrada Familia, levan anos agardando.

        Hai, ademais, un problema de deseño. «Xa conseguimos que quitasen os colectores de lixo e coches aparcados de moitos pasos», conta, porque un condutor non ve a un neno detrás dun colector de lixo e poida que non chegue a frear a tempo. Fan falta tamén, di, illas para refuxiarse -sobre todo as persoas maiores- naquelas vías de varios carrís nas que ás veces non dá tempo a chegar, e fai falta tamén, conta, entender ás persoas para deseñar vías e infraestruturas. «Os peóns van recto», resume.

        Un exemplo son as escaleiras que conectan a beirarrúa coa área de xogos infantís no parque Europa. Os chanzos acaban fronte ao asfalto. Para cruzar correctamente hai que desprazarse 20 metros, pero a xente non o fai. Custa máis cambiar os malos hábitos ou pintar unha liña fronte á escaleira? «Nós estamos a educar ós nenos para que eduquen ós pais», di Picard. Pero iso vai a longo prazo.

E. EIROA

A CORUÑA / LA VOZ 05/02/2018

COMENTARIOS
Añadir nuevo comentario como
votar por este contenido
Añadir un comentario al contenido
Título del comentario
E-mail
Tu web
Texto del comentario
0 Caracteres escritosQuedan 2000
Esta web no se hace responsable de los comentarios escritos por los usuarios. El usuario es responsable y titular de las opiniones vertidas. Si encuentra algún contenido erróneo u ofensivo, por favor, comuníquenoslo mediante el formulario de contacto para que podamos subsanarlo.
  • Un peatón cualquiera dijo...
    Es verdad que hacen falta mejoras (muchas) y cruces más seguros, pero deberíamos ser los primeros en cuidar nuestra propia vida y no cruzar por cualquier lado
    Un peatón cualquiera 15/02/2018 09:19:21IP registrada
  • Síguenos en las redes:
Desenvolve iLatina